Boqueixón, A Coruña
Latitude: 42º 47′ 42,96″ N
Lonxitude: 8º 24′ 14,54″ W
Ano
2014
Promotor
Comunidade de regadores do núcleo de Caldelas, Vedra. Propietarios legais da auga que desvía a presa. A zona de rego afecta a unha superficie 24 hectáreas. Esta superficie divídese en 73 terreos pertencentes a 53 propietarios.
Colaboradores
Luis Miguel Fernández López
Constructor
Ramsa (suministro de bloques de granito)
Fotografía
Roi Alonso. www.roialonso.com
Estudio Fermin Blanco
Presuposto
908,75 e
O proxecto mestura elementos que o fan especial, unha situación envexable ao piei da fervenza de Codeso no río Pontillón e unha historia social que afunde as súas raíces no século XIX (contrato de 1855). Xa dende antigo existe unha comunidade de regadores da aldea de Caldelas que ten uns dereitos adquiridos a través dun contrato respecto a unha porcentaxe de auga que obteñen aos pés da fervenza e transportan a través dunha canle que manteñen de modo cooperativo entre todos dende entón. O contrato especifica claramente os minutos e caudais a que cada regador ten dereito. Entre medias tamén abastece un muíño de uso comunitario hoxe en día en estado ruinoso.
Malia a exactitude dos datos e caudais, a toma efectúase de modo artesanal con axuda dunha presa con cachotes que cada inverno debe someterse ás reparacións propias debidas aos danos das riadas invernais. Este continuo facer e desfacer non ten estado exento das polémicas propias destes casos e as disputas habituais sobre a posición e altura da presa de modo que o caudal obtido podía variar en virtude da súa posición. Por este motivo decídese facer unha presa de carácter “definitivo” que non requira tales labores de mantemento e que poña fin a tales disputas.
O proxecto parte pois dun respecto polas condicións ambientais e por suposto por un respecto absoluto ante a tradición. Non esquezamos que non é un proxecto que se desenvolva con carácter ambiental ou etnográfico, responde a unha necesidade real, e parte da comunidade de regadores aínda hoxe mantén o seu uso e reclama os seus dereitos históricos.
Como primeiro paso defínese a posición da presa seguindo as indicacións dos máis vellos e polo tanto coñecedores do tema. Tamén nos apoiamos na zona rochosa da marxe esquerda evitando a excesiva erosión desa zona onde o terreo é principalmente arxiloso. A fervenza descende sobre unha lingua de rocha negra de extrema dureza o que mantivo ata hoxe ese corte coa súa fisionomía case inalterable.
A normativa ambiental que na actualidade recae sobre estas actuacións é case unha anécdota fronte ao peso de tradicións consuetudinarias aínda que evidentemente todo debe seguir o seu curso e así comeza a obra (tras os pertinentes permisos) variando o curso do río pola canle de rego.
A solución definitiva consiste nun grupo de 6 grandes bloques de granito (675 Kg / ud) que se instalan verticalmente e cuxo volume se debe a un interese en aumentar o seu peso propio para evitar cimentacións e movementos cando cheguen os invernos.
Os bloques deixan ocos entre medias que serán cubertos con madeiros inseridos en guíanas labradas na propia pedra.
En definitiva unha solución que resolve os litixios sobre a posición e caudal de auga a reter e que pasa a formar parte da composición fervenza-río-presa-canle tratando de manter a forza do lugar complementada cun magnífico espazo de romaxe que cada ano se enche de alegría malia o illado do lugar.