Repensando a escola

Coordinador
Fermín González Blanco


Profesorado CEIP Ortigueira
Xaime Furelos Vázquez
Luis Martínez Sánchez
Mercedes Maril Yáñez
Manuel Ángel Iglesias Gómez
Rosario Casal Mosquera
Miriam Miramontes Borrajo
Esther Domínguez Dubra
Francisco Ferreiro Blanco


Colaboradores
David Rodríguez Antuña
Saúl Gómez Rubio
Luis Miguel Fernández López


Caderno e audiovisuais
Borja Díaz Carro


Fotografía
CEIP Ortigueira
Estudio Fermin Blanco




Memoria & Fotografías
Durante o curso 2014/15 púxose en marcha esta experiencia de modo experimental no Centro Público de Educación Infantil e Primaria Ortigueira con alumnos de educación infantil e primaria.


Os valores que se obteñen da análise da contorna inmediata, neste caso a contorna escolar, sumados ao material e metodoloxía utilizada están pensados para unha sistematización e replicación en diferentes ámbitos.


A experiencia do equipo didáctico de sistema lupo sobre arquitectura baséase en material estandarizado e fichas con retos adaptables a cada centro educativo. De igual modo os planos da memoria e o proxecto cara ao futuro é algo común a cada centro.


Certamente o caso de Santa Cruz, polo peculiar do seu pasado, faino especial pero todos os centros verán enriquecido o seu historial con achegas doutras xeracións forzando o carácter comunitario da experiencia.


O noso obxectivo é dar continuidade ao proxecto dentro dun plan de etapas que termine co proxecto REAL de ampliación do centro escolar.


Tentarase continuar nesta dinámica PARTICIPATIVA onde teña cabida toda a comunidade educativa, pais, profesores, antigos alumnos, e por suposto os actuais.
Neste curso contamos cun equipo de 77 alumnos dispostos a participar no futuro arquitectónico do seu centro escolar.



¿QUÉ?
Proxecto educativo integral e experimental focalizado no traballo colaborativo e que favorece o espírito de comunidade dentro da escola e coa súa contorna.


¿QUIÉN?
Proxecto realizado, nunhas condicións máximas de complicidade, entre o claustro, ANPA, Concello e alumnado do CEIP Ortigueira en Santa Cruz de Ribadulla.


¿DÓNDE?
Nun colexio cunha historia moi especial. No seu día foi un prototipo experimental educativo, vinculado coa Institución Libre de Enseñanza, e deseñado polo arquitecto Antonio Flórez, “o arquitecto das escolas”.
Na actualidade o colexio está pendente dunha nova ampliación para conectar os corpos de infantil e primaria. Neste punto o proxecto conecta coa comunidade educativa para reflexionar como debe ser o futuro.


¿CÓMO?
Proxéctanse diferentes actividades que se solapan de maneira coordinada guiadas polo claustro de profesores asegurando unha coherencia pedagóxica ao proxecto no seu conxunto.


Baixo o lema “a arquitectura tamén educa” as actividades tratan de sensibilizar sobre a importancia da contorna inmediata, dos espazos cotiáns.





O cono

Seguindo o traballo do artista Gordon Matta Clark, exponse unha intervención sobre a casa do mestre como un acto de reflexión sobre como deben ser os espazos educativos no século XXI e que papel deben xogar os alumnos na configuración destes espazos. Trasládase a lóxica transversal dos sistemas educativos aos espazos nos que se educa tentando romper os muros da educación convencional dun modo nada metafórico.


O proxecto enténdese como unha unidade didáctica en si mesma onde se poden explicar de forma sinxela as xeometrías cónicas derivadas das diferentes interseccións dun plano cun cono. Búscase unha aproximación fundamentalmente práctica a través de pequenas maquetas facilmente construibles cunha simple cartolina e o traballo no patio para comprender as regras xeométricas.


O baleirado en forma de cono exposto na casa do mestre ten a finalidade de introducir aos alumnos en conceptos xeométricos e matemáticos dunha forma práctica e divertida. As interseccións do cono cos tabiques e forxados xeran xeometrías en forma de elipse, parábola ou hipérbola.


Todo iso leva implícito o efecto transgresor propio da acción artística, o que en principio parece unha tolemia colectiva termina por converterse nunha acción clara, efectiva que transformará o espazo e fará que os alumnos se apoderen definitivamente do mesmo identificándose con el.


O proxecto entende a educación como un proceso de formación permanente. As fases de demolición foron executadas polo alumnado dunha escola taller na que os participantes realizan as prácticas á través desta actividade á vez que complementan a súa formación en técnicas de albanelería.


Asígnase ao cono a cor vermella e todos os elementos no interior do cono ou en intersección con él van pintados desta cor. Paredes, teitos, pasamanos ou lámpadas son susceptibles de pintarse se se atopan dentro do cono. E todo isto sen saírse das liñas trazadas polos propios nenos.


A imaxe final da intervención exponse para ser vista desde o vértice do cono situado nunha das habitacións. O vértice esta situado á altura do alumno de forma que a obra adquire sentido desde este punto de vista quedando ao descuberto o segredo da obra en canto abandonamos esta perspectiva.
Toda a casa do mestre convértese a través desta operación nun espazo de xogo que se apropian os nenos e que ata agora permanecía en desuso. Un novo laboratorio de experimentación e de xogo.


A maqueta sobre a que se reflexiona e se repensa a escola sitúase neste espazo en vermello, en movemento, en cambio… un espazo no que podemos observar desde o vértice do cono convertido nunha mirilla.





Arquitecturas vivas

Hiperboloides, elipsoides, semiesferas e outros vertebrados.


É un proxecto didáctico enmarcado dentro das accións de #repensandoaescola encamiñado a reflexionar sobre a contorna propia a través neste caso da arquitectura e as técnicas tradicionais e non tan tradicionais de cestería. Para iso nesta ocasión contouse coa estreita colaboración da artesá e artista Idoia Cuesta especialista nestes temas. Idoia a través das súas creacións fainos pensar coas mans e a súa paixón polo material natural axúdanos a valorar o que nos rodea. Nun colexio asentado nunha comarca rica en viñedos e en plena época de poda desenvolvemos estas actividades coa total complicidade do claustro e da comunidade educativa do CEIP Ortigueira.


Participaron nas diferentes fases todos os grupos de educación infantil e primaria. A didáctica de primaria complementouse ademais con sesións teóricas para achegar a xeometría aos estudantes esta vez a través de exemplos reais feitos a partir de volumes de revolución. (no curso anterior traballáramos con cónicas e este ano damos o salto ao 3D). Antes de encarar a construción a escala natural realizamos maquetas para entender as xeometrías e analizamos os sistemas tradicionais de anudado das viñas como parte do proceso.


O obxectivo final é o traballo en equipos para a creación dunhas arquitecturas lúdicas para o patio de xogos, aplicando estas técnicas e controlando a póda e plantación conseguimos que ademáis sexan arquitecturas vivas. Agora esperamos por eses “brotes verdes” que chegarán na primavera…


Variedades utilizadas


Elipsoide. Salix Triandra
Hiperboloide. Salix Fragilis
Semiesfera. Salix Purpúrea + Salix Frágilis sobre estructura de Bambú.





Novo aseo de infantil

Ao longo do curso 2016/2017 continuamos por terceiro ano consecutivo con esta expericiencia cos alumnos e claustro do Centro Público de Educación Infantil e Primaria Ortigueira.


Tras un primeiro ano no que se plantaron as bases, estudando os espazos que habitan mediante a realización dunha maqueta do estado actual do Colexio e xerando uns planos da memoria con experiencias e anécdotas de antigos e actuais alumnos, e realizando unha primeira intervención física, na que á vez que se completaban as explicacións das xeometrías cónicas transformábase o espazo da antiga casa do mestre; e un segundo ano no que actuou no espazo do patio para xerar unha Aula do Bosque en colaboración coa artesá-bióloga Idoia Custa; neste terceiro ano propoñémonos a construción dun novo aseo para infantil durante o curso.


As obras deparan sorpresas e a primeira foi durante a primeira fase de demolición onde atopámonos nos ladrillas pistas da nosa historia industrial. Grazas a Miguel Díaz Rodríguez e Alberto Alonso Ouro coñecemos máis sobre Cerámicas a Caeyra, fundadas polo marqués de Riestra e subministradoras do material que protagoniza o cole.


Deica pouco darémosvos máis noticias e imaxes deste interesante proxecto, onde os alumnos son os que dan forma a un dos espazos que utilizan diariamente. De momento deixámosvos con algunhas imaxes do proceso, no que podedes empezar a descubrir elementos tan curiosos como o tobogán de saída do aseo, o laboratorio de cor co que aprenderán moitas cousas sobre como funcionan as mesturas de pigmentos ou a maneira na que se define o aparello da nova fachada.