Na planta baixa, un perímetro de mesas recolle cada unha das propostas lanzadas polos artistas e os resultados obtidos. Son traballos que se materializaron en diferentes formatos, segundo a elección de cada participante.
Cada artista terá o seu espazo, no que aparece explicado cal foi a proposta lanzada por cada un deles; e os traballos dos participantes compoñen todo o material expositivo. Todo isto acompañado polas obras de Seoane, que son o guión do que partiron, e todas escollidas por gardar algunha relación co artista ao que acompañan.
Na planta superior un diario recolle e percorre día a día, mediante unha noticia escollida das que aparecían nos medios de comunicación, o tempo no que estivemos recluídos nas nosas casas e representa os momentos de incerteza e caos que xurdiron ao longo deste proxecto.
Un skyline, tamén na planta superior, composto por liñas de cores, algunhas das cales descenden cara á planta baixa e delas aparecerán os “palabros” coas súas respectivas creacións xeradas durante os 52 días que abarcou todo o proxecto. Nesta planta superior levarán a cabo as actividades didácticas baseadas nos 25 retos propostos polos artistas.
Haberá, deste xeito, unha formulación didáctico “á carta”, tanto para grupos de colexios como para aqueles visitantes que desexen participar; esta vez de forma analógica.