Do Gran Quilo á Vara Castellá

Canto pesa o teu edificio? É a soada pregunta con que Sir Norman Foster lembra a clarividencia do seu mestre Bucky Fuller para tratar de facer reflexionar sobre a eficiencia da arquitectura. Veume esta frase á cabeza ao ler as noticias sobre a Oficina Internacional de Pesos e Medidas que este mes se reuniu para cambiar a definición do Quilo (tamén do amperio, o kelvin e o mol). A comunidade científica fai con estas unidades o que no seu día co metro, establecer definicións que non dependan de modelos físicos. Porque os modelos físicos por moi estables que sexan (o Gran Quilo custodiado pola comunidade científica é un cilindro de platino‐ iridio) ao final varían as súas dimensións, xa sexa polas condicións ambiente ou polo seu reiterado uso.

 

Desde Babilonia acordar as unidades de medida foi un cabalo de batalla… Sen dúbida as medidas antropométricas foron a base dos primeiros sistemas e esas unidades mantiveron a súa vixencia ao longo da historia mesmo algunhas perduran especialmente no sistema Imperial británico, cos seus pés e as súas polgadas.

 

O pé, que procede da súa directa identificación co pé humano, foi amplamente utilizado polas diferentes civilizacións, o pé romano equivalía a 29,57 cm fronte ao pé carolingio cuxa relación é de 9/8 do romano (33,27 cm). Destas medidas se extrapolaban os seus múltiplos así a decempeda ou pértega romana equivalente a 10 pés (2,957 m) e a súa versión en superficie decempeda cuadrata ( scripulum) establecía unidades para o cálculo de superficies.

 


Cada civilización establecía un sistema máis ou menos aceptado como base de cuantificación e de aí derivarán todo tipo de relacións tanto comerciais, xurídicas ou por suposto arquitectónicas. Evidentemente as relacións non estiveron exentas de polémicas e as medidas non son exactas en todos os territorios. O ferrado galego é o seu máximo expoñente, unidade de superficie de terreo, que varía de comarca a comarca con diferenzas ostensibles mesmo entre veciños.

 


Lembro conversacións con Rosina Gómez Baeza cando falando de arquitectura e arte cita a Secundino Zuazo “os arquitectos actuais teñen serios problemas de escala, deberían medir en varas castelás” O pé castelán, algo máis pequeno que o romano (27,8635 cm) serve de base á vara (tres pés) que equivale a 0,835905 metros é dicir algo menos do metro, pretendía así Zuazo que os edificios encollesen para adaptarse a unha escala máis apropiada…

 


A ciencia axúdanos co patrón pero a proporción segue sendo algo difícil de controlar polo menos a través do método científico…

 

 

 


Deixar unha resposta